O Furancho Iglesario está situado no concello de Bueu, na parroquia de Cela. Esta localidade pertence á comarca do Morrazo, unha zona famosa polas súas espectaculares vistas ás Rías Baixas, as súas praias de area fina e o seu forte vínculo coa cultura mariñeira. Cela, pola súa parte, é unha parroquia tranquila, ideal para quen busca unha experiencia auténtica no interior galego, lonxe do bulicio turístico.
Cómo chegar
Para chegar ao Furancho Iglesario desde Bueu, colle a estrada PO-315 en dirección a Marín. A aproximadamente 2 quilómetros, atoparás un desvío á dereita sinalizado cara a Cela. Continúa por esta estrada secundaria e segue as indicacións cara á igrexa parroquial de Cela, que serve como referencia clave para localizar o furancho. O traxecto inclúe algúns xiros, polo que é recomendable prestar atención aos cruces sinalizados cara á parroquia.
Se vés desde Marín, tamén podes usar a PO-315, pero o desvío cara a Cela estará á esquerda.
Aparcadoiro
O Furancho Iglesario non dispón de apardcadoiro propio, pero xusto enfronte da igrexa de Cela hai unha ampla zona habilitada que permite estacionar cómodamente. Este espazo é suficientemente grande para acoller bastantes vehículos, incluso nos días máis concorridos, o que facilita o acceso para quen chegue en coche.
Descrición do lugar
Situado nunha casa de pedra que encarna a esencia rural galega, o Furancho Iglesario ofrece un ambiente acolledor e auténtico. A entrada, a través dun patio interior, xa anticipa a cálida atmosfera que os visitantes atoparán no interior. O comedor principal conta con numerosas mesas, sendo as do fondo algo máis espazosas, ideais para reunións familiares ou de grupo. Tamén dispón dun comedor máis pequeno, con só catro mesas, perfecto para quen busca un ambiente máis íntimo.
As paredes de pedra, o mobiliario sinxelo e a iluminación cálida crean un ambiente acolledor e agradable, ideal para gozar dunha boa comida en compaña.
A carta
A carta do Furancho Iglesario ofrece unha selección de tapas e racións que destacan pola súa sinxeleza e sabor:
- Empanada, con opcións de bacallau, atún e carne, de masa fina e cun recheo moi saboroso.
- Croquetas de xamón, crocantes por fóra e cremosas por dentro.
- Tortilla de patacas, zumenta e co punto de cocción perfecto.
- Orella.
- Lingua guisada.
- Ovos fritidos con chourizo, un clásico que nunca falla.
- Raxo e zorza, dúas propostas típicas galegas que non poden faltar nun furancho.
En canto aos viños, o branco é saboroso e afroitado, fácil de beber e moi agradable ao padal. O tinto, pola súa banda, é algo máis áspero, con pouca acidez, o que o converte nun complemento ideal para as racións máis contundentes. Cos viños sérvese unha tapa. No noso caso, callos, que estaban sinxelamente espectaculares.
O servizo é rápido e eficiente, o que permite gozar da comida sen longas esperas. Os pratos, ademais de saborosos, sérvense en cantidades xenerosas. En canto aos prezos, a experiencia é moi accesible, cun custo aproximado de 12 euros por persoa, o que o converte nunha opción perfecta para quen busca boa comida nun ambiente familiar e auténtico.
Rebeka –
Lugar agradable, boa comida, bo viño e o persoal moi atento. Sitio para repetir.