O furancho Villa Preciosa está en Pazos de Borbén. Este furancho abriu por primeira vez este ano e fai honor ó seu nome pola súa vistosidade. Promete ser un dos puntos habituais dos furancheiros da zona durante moito tempo.
O furancho está na parroquia de Nespereira e para chegar debemos coller o desvío que hai na estrada que une Redondela con Mos, á altura do quilómetro 8, en dirección Nespereira-Cepeda-Amoedo. Unha vez por esta estrada debemos continuar sen desviarnos durante algo máis de 2,5 quilómetros. Xusto logo de pasar Talleres Nespereira debemos coller á esquerda no seguinte cruzamento e xa vemos a entrada do furancho ós poucos metros.
Este furancho dispón dun amplo aparcadoiro. Está situado pola parte de debaixo da leira. Para chegar co coche debedes pasar a entrada e a uns metros virar á esquerda.
A maior parte do aforo deste furancho é exterior. Teñen unha gran leira con numerosas e amplas mesas dispostas por toda ela. É perfecto para os que vaian con nenos porque teñen moito espazo para xogar e ata teñen unha cama elástica, unha casiña de xardín ou un pequeno tobogán. Pegado á casa teñen máis mesas debaixo de enormes sombrillas pero, polo xeral, non é difícil atopar sombra no resto.
O interior do furancho é un sitio moi agradable con mesas amplas e cómodas. No lugar onde está situada a bodega, dispoñen dun reservado para uns seis comensais cunha mesa rodeada das barricas do viño. O máis peculiar deste reservado é que son os propios usuarios os que se serven o viño directamente das cubas.
Como nos furanchos desta zona dispoñen de viño branco e tinto moi agradables ao paladar, afrutados e moi doados de beber. De tapas adoitan servir táboa de ibéricos, pementos de Padrón, orella, zorza, raxo, chourizos ó inferno, costela, tortilla ou empanadillas. Non pode faltar tampouco a habitual tetilla con membrillo.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.