Fogar do Santiso

Por Furancheiro
Fogar do Santiso

O Fogar do Santiso é un deses recunchos que creemos que ten que estar en Furancheiro pola súa singularidade. Pódese dicir que é un sito que non deixa a ninguén indiferente.

Situado en Trasellas - Luou no Concello de Teo, aproximadamente a uns 10 quilómetros dende Santiago pola estrada nacional que leva a Padrón atópase este curioso sitio de difícil descrición que xa leva máis de vinte anos coas portas abertas. Non é un sitio complicado de atopar, e se ides atentos ás indicacións nos cruces chegaredes sen problemas.

Poderíase dicir que conxuga o máis rural da nosa terra e do mundo labrego, co máxico mundo dos Druidas e dos Celtas, nun lugar que asemella un merendeiro no seu exterior e un alpendre no seu interior, e todo repleto de numerosas mesas.

Cobertizo Fogar do Santiso

A palabra “enxebre” lévase a outra dimensión no Fogar do Santiso. Mesas corridas de madeira cos seus respectivos bancos, chan de terra ou pedra, teitos repletos de madeira e forrados con sacos de tea, mosaicos feitos con cuncas de viño, chemineas de pedra, buzóns que fan a función de leñeiras, viñas, enredadeiras e algunha que outra tea de araña son so parte das cousas que vos atoparedes neste lugar.

Moitas das mesas compártense xa que son longas e se ides en parella que nos vos estrañe que outros comensais se senten ó voso carón. Os camareiros distribúense nos que collen nota, os que serven ás bebidas e os que recollen as mesas. O servizo é bastante rápido.

Polbo Fogar do Santiso

A comida que se serve aquí ten unha peculiaridade xa que é ecolóxica e baseada nun sistema de economía sostible. Eles chámanlle “Gastronomía 360” e asegúranche que tódalas hortalizas son ecolóxicas das súas propias hortas, a carne de razas autóctonas galegas criadas en liberdade e o peixe pescado de forma artesanal na ría de Aldán. Temos que dicir que ademais de todo isto, está ben boa e merece a pena probar as súas empanadas de pan de millo con mexillóns, as filloas de queixo e chicharróns ou as tempuras de verduras con calamares.

Os seus prezos non son moi populares. Non é que vaias a pagar coma nun restaurante de estrelas Michelín, pero dende logo están un pouco lonxe dos prezos que podes atopar noutros sitios da mesma zona. Aínda así, paga a pena ir alomenos unha vez a coñecer este sitio tan singular.

Compartir:

Comentarios sobre Fogar do Santiso
Luis Coto

04/01/2019 - 06:04

Un sitio realmente peculiar. La verdad es que merece la pena ir por lo menos alguna vez.


Rebeca YG

13/05/2018 - 16:49

Lugar enxebre onde os haxa e moi agradable. Amplo, con parque para os cativos... Moi pero que moi recomendable!


Enviar un comentario
Pódeche interesar tamén: