O furancho Chipirón atópase no concello de Mos, na parroquia de Louredo.
Chégase desde a nacional N-550 que une Redondela con Porriño, se imos en sentido Porriño, á altura de O Enxertado, collemos o desvío á dereita polo Camiño do Quintal. A moitos vos soará este camiño porque é onde se atopa o furancho Os Cabalos. Unha vez pasamos este furancho seguimos subindo por este camiño ata un cruzamento cunha curva moi pronunciada á esquerda que é o principio do Camiño do Asebal. Desde aqui hai que estar pendentes porque o furancho está nunha entrada estreita que non é difícil pasarse de longo. Non teñades medo a subir a rampa cara á leira, porque aínda que pareza estreita e que non leva ningures, dentro hai un amplo aparcadoiro onde se pode deixar o coche.
Este furancho é un dos máis concorridos de todo Mos. É un sitio amplo, con teitos altos e numerosas mesas. Nas horas punta, como en case todos, non é sinxelo atopar mesa pero con esperar un pouco rápidamente vanse liberando ocos para sentarse.
O seu viño branco é moi sabroso e cun punto acedo xusto que lle dá moita frescura. O tinto é máis complexo pero ben equilibrado e moi fácil de beber.
Para comer teñen tapas variadas. A especialidade da casa, e que lle dá nome ao furancho, son os chipiróns á plancha. Riquísimos chipiróns enteiros á plancha cun pouco de pataca cocida que non podedes deixar escapar si visitades este lugar. Tamén serven tortilla, raxo, zorza ou costelas de churrasco.
Reseñas
Aínda non hai valoracións.