A Fornada
Por Ana Mar

A Fornada fórmana Ana, Zacarías, Pablo, Noa e Lucía. Viven en Trandeiras no Concello de Xinzo de Limia. O seu interese pola vida sa e natural levounos a vivir no campo, cultivar o seu horto, ter galiñas, construír a súa propia casa…
Gústalles cociñar porque valoran a boa comida, caseira, e saudable. Así aos poucos foron aprendendo a usar os ingredientes naturais para facer pratos sinxelos pero de moita calidade, comprando os produtos que non teñen a productores locais ou ecolóxicos. Foxen da comida industrial.
Comezaron a facer o seu propio pan fai 17 anos, cando se coñeceron Ana e Zacarías en Sevilla, e desde entón non consumiron outro pan. Coa construción do seu forno fai máis ou menos 5 anos, comezaron a moer a súa propia fariña para facer pan e a usar máis o forno para cociñar.

Segundo Ana: “Todo sae máis rico no horno de leña”. Se aínda non probaches as súas pizzas ou o polo caseiro asado, non o perdas. Tamén teñen lacón asado, empanadas, callos, calabacín gratinado, tostas, biscoitos...
No ano 2019 abriron unha magnífica e ampla terraza ao aire libre. Tamén organizan talleres de facer pan ou pizzas, así como outros talleres e diversas actividades para fomentar a cultura local.
No interior de A Fornada dispoñen dunha cheminea para os fríos días de inverno e unha pequena tenda onde podes mercar produtos artesanais como mel, bica ou biscoito de chocolate, marmelada ecolóxica, chocolate negro ou ata bálsamo labial feito exclusivamente con manteca pura de karité.